A sombra do dragón chegaba a todas partes, aínda que Hadrián era o único que podía sentir a súa presenza. O poder de Dragal manifestaríase moi pronto, pero para aqueles que o ignoraban era un día máis, coma outro calquera.

Todos os alumnos da clase agardaban con expectación a chegada de dona Ermidas, coas cualificacións do exame de matemáticas. Sabían que, coma sempre, faría a entrada na aula logo de dous minutos de soar o timbre.

Nin un segundo antes nin despois.

A vella profesora chegou puntual, abrazando o seu cartafol no colo. Paseniño, colgou a chaqueta de la vermella no respaldo da cadeira e, logo de saudar aos presentes na aula, comezou a repartir as cualificacións polos pupitres.

– Antón… sen comentarios. Ímonos ver en setembro, e se cadra o ano que vén.

– Teresa… podías facelo moito mellor.

– Breixo … hai que usar o miolo para algo máis que levar gorra.

– Antía… siga vostede así. Un oito.

– Marta… nesta ocasión eu agardaba moito máis ca un aprobado xustiño.

– Miguel… ben, raspadiño, pero algo é algo.

Mentres a mestra seguía o seu percorrido entre as mesas, achegándose pouco a pouco ao fondo da clase, Hadrián ollou pola fiestra. A choiva petaba contra os cristais, pero o rapaz tiña a ollada posta máis alá, na fachada da vella igrexa de San Pedro.

Atopouno coma sempre, na cornixa, e sorriu cando o vello Dragal lle chiscou un ollo nun xesto de complicidade.

O resto dos alumnos, alleos aos movementos do dragón de pedra, permanecían en absoluto silencio, atentos a cada xesto da súa titora. E dona Ermidas, tamén ignorante do acontecido, seguiu repartindo exames ata chegar á altura de Hadrián.

Daquela, a profesora detivo os seus pasos e pousou o folio, esborranchado polas dúas faces coa característica escrita diminuta do rapaz, sobre a súa mesa. Na marxe superior, a carón dos datos do alumno, en vermello e resaltado nun gran círculo, destacaba un “10” que a Hadrián lle pareceu grande coma un mundo.

– Aínda non sei coma o fixeches… pero estouche abraiada – díxolle.

A faciana do mozo iluminouse cun sorriso que lle chegaba de orella a orella. Un dez! Polo rabo do ollo puido ver como a silueta de Dragal remexía na cornixa. Si, o dragón de pedra tiña a facultade de lerlle o pensamento e xa era sabedor da noticia.

Incapaz de centrar a súa atención na clase, ao soar o timbre Hadrián foi o primeiro en erguerse do asento para saír, mais non puido marchar da aula tan rápido como quixera. A profesora detívolle os pasos pousando unha man no seu ombreiro nun xesto que o rapaz non puido eludir.

– Agarda… quero falar contigo.

En segundos quedaron a soas, fronte a fronte, profesora e alumno.

Dona Ermidas observou detidamente ao rapaz, que nas últimas semanas perdera aquela ollada de neno extraviado coa que ingresara no instituto, ao comezo de curso.

– Queríache dar os meus parabens. Desta vez fixeches un gran traballo.

A mestra estivera todo o curso moi preocupada polo mozo. Fillo único dunha familia esnaquizada pola catástrofe, chegara ao centro trasladado dende outra cidade despois de que lle morrera o pai. “O tempo é a mellor menciña para estiñar as feridas da alma”, pensou a docente.

Hadrián non respondeu de seguido. A dona Ermidas pareceulle que deixaba vagar a súa ollada a través da fiestra da aula, que se abría ao seu carón, fixándoa durante un intre nalgún punto máis aló. Foi a penas un instante, e logo a súa faciana mudou nun aberto sorriso que puxo á descuberta os brackets dun corrector dental.

– Ben, desta vez fíxenlle caso e apertei os cóbados un pouco.
Esta non era a resposta que a profesora agardaba, pero entendeu que non tería outra mellor no caso de insistir. Non había nada máis que dicir así que, antes de deixalo marchar, alentouno cun breve consello.

– Segue así, pronto atoparás o camiño que estás a buscar.

“Claro que si!”, pensou Hadrián, mais non dixo ren. Premeu a man que levaba no peto do pantalón, sentindo como a forza do seu talismán lle traspasaba os dedos. Sentía a enerxía no antebrazo, no cóbado, chegaba xa ao ombreiro…… Soltou antes de que lle queimase demasiado, sorriu de novo á muller e botou a andar polo corredor, cara á saída, onde Mónica estaba agardando.

Hadrián non podía falarlle a dona Ermidas do que xa sabía, dicirlle que agora xa atopara a senda que se abrira para el moitos séculos atrás, e que só estaba da súa man que se cumprise a profecía. Moi pronto.

25
Xan

O soño do dragón

   Posted by: dragal   in Sen clasificar

Poucos personaxes lendarios perviven na memoria colectiva con máis intensidade que os dragóns, uns seres que rozan a divindade.

En todo o mundo, en todas as épocas, existiron lendas sobre esta figura, que traspasou o eido da transmisión oral para ocupar espazos propios nos textos sagrados e na iconografía universal.

Os dragóns están presentes nos templos cristiáns e budistas, en textos hebreos e musulmáns. E, por suposto, tamén en Galicia. Tan preto que en moitas ocasións non temos conta deles.

Mais, que acontecería se o dragón de pedra situado na fachada dunha vella igrexa románica cobrase vida?

E se ese dragón gardase o segredo dunha profecía milenaria, e esta se cumprise no século XXI, encarnada no noso protagonista?

Dragal xurdiu desta idea básica: crear a historia dun rapaz que se transforma en dragón, mais co valor engadido de inserirlle tradicións e mitoloxías galegas.

“No primeiro volume da triloxía, sen abandonar a perspectiva do mundo real no que vivimos, puiden crear un universo propio e modelar unha ficción fantástica que pretendía conquistar lectores de todas as idades”, explica a súa autora, Elena Gallego Abad.

Daquela, o relato desenvólvese nun escenario que podería atoparse en calquera vila da costa: na aula dun instituto dende a que temos unhas privilexiadas vistas sobre unha vella igrexa románica, San Pedro, que conecta cunhas catacumbas cheas de segredos e que agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego.

Nas páxinas de Dragal atopamos profecías milenarias e ordes de cabaleiros medievais, mergullámonos nas augas dunha Poza da Moura e vivimos moitas aventuras cos seus protagonistas, Hadrián, Mónica e o párroco, don Xurxo.

31
Ago

A aventura viaxeira de Dragal

   Posted by: dragal   in Sen clasificar

Houbo un tempo no que soñei con botar unha botella ao mar, cunha mensaxe no seu interior, para ver qué acontecía.

Podía imaxinalo facilmente. Escribiría as miñas verbas con tinta azul sobre a superficie dunha folla de cuadrícula do meu caderno. Logo gardaría o papel, dobrado con coidado, no interior do envase de vidro transparente, e pecharía a botella cunha rolla de cortiza. Botaría a miña mensaxe ao mar, nalgún lugar das nosas rías. Daquela, dende Galicia a botella navegaría seguindo as correntes mariñas até cruzar o Atlántico… ou mesmo dar a volta ao globo.

A miña misiva percorrería o mundo enteiro durante semanas, meses, anos… E, talvez algún día, eu recibiría a chamada dalgún descoñecido que, na outra extrema do planeta, dera coa botella e conseguira interpretar a miña mensaxe de amizade.

Este verán, a piques de facer realidade o soño de viaxar en persoa a algúns dos lugares máis afastados do planeta, pensei na oportunidade única de ceibar unha mensaxe que percorrese o mundo. Mais, no canto de agochar un papeliño no interior dunha botella de cristal, non podía atopar mellor xeito de comunicarme que a través das páxinas do meu libro “Dragal, a herdanza do dragón” .

Cal foi entón a proposta? Ceibar cinco exemplares da miña novela editada por Xerais, a primeira entrega da triloxía do dragón, noutros tantos lugares do mundo.

O “bookcrossing”, que é o nome que recibe en inglés esta iniciativa, é unha aventura coas súas pequenas “regras”. A primeira delas é identificar os libros como “ceibes”, con etiquetas no exterior que así o indiquen. Logo poden rexistrarse na web internacional www.bookcrossing.com para outorgarlles unha numeración que permita seguirlles a pista dende calquera lugar do mundo, si é que a persoa que atopa o libro decide seguir o xogo e dar noticias do seu paradoiro a través desta web (tamén pode publicala na páxina www.dragal.eu).

Asemade, cada libro leva impresa unha mensaxe explicativa en catro idiomas (galego, castelán, inglés e francés), na que se indica que o libro está a viaxar polo mundo e prégaselle a quen o atope que o ceibe de novo, logo de ler as súas páxinas.

A aventura viaxeira de Dragal comezou o 24 de xullo, liberando o primeiro dos exemplares no aeroporto de Vigo.

Aínda non eran as sete da mañá dese sábado cando, a piques de coller un avión con destino a París, pousei o libro nun carro de equipaxes do aeroporto vigués.

A esas horas apenas había xente no interior da terminal, mais a novela desapareceu do lugar en cousa de poucos minutos, sen que eu tivese a oportunidade de albiscar a persoa que puidera levala consigo.

Mais tampouco había tempo de facer pescudas, así que confío que un día destes alguén deixe unha mensaxe na web www.dragal.eu e nolo conte.

A seguinte escala do dragón era o aeroporto Charles de Gaulle de Paris, a onde chegamos ás 9 da mañá en tránsito a Beijing.

A terminal 2G deste aeroporto, destinada a acoller aos viaxeiros con destinos internacionais, pode considerarse  un bo lugar para ceibar un libro pola gran cantidade de persoas que transitan pola mesma ou agardan o seu voo.

Trátase dun amplo corredor con zonas de espera dende as que se accede ás distintas portas de embarque. Algúns viaxeiros en tránsito “matan o tempo” paseando e visitando tendas de grandes firmas e libres de impostos, nas que facer as últimas compras. Outros len ou conversan entre eles, sentados nas zonas de espera. Ou simplemente observan…

Un segundo exemplar de Dragal quedou pousado sobre un andel no que había varios números de revistas gratuítas para os pasaxeiros das aeroliñas.

Mentres agardaba o embarque do meu voo, previsto para o mediodía, mantiven o libro en “liberdade vixiada” durante un tempo no que varias persoas achegáronse a el, collérono nas mans, ollaron as súas páxinas…

Nalgún momento decidín marchar, deixando que esta “botella” comezase a súa viaxe en solitario.

A terceira proposta deste bookcrossing estaba prevista para o domingo 25 de xullo no aeroporto de Beijing, en China, mais cometín o erro de introducir o libro no interior da maleta facturada directamente dende Vigo con destino á capital chinesa.

Doce horas de viaxe máis tarde decateime de que non tiña posibilidade de recuperalo até despois de chegar ao hotel, no centro da cidade.

Desbotei entón a posibilidade de ceibar Dragal no lugar previsto e, no canto dun aeroporto, optei por un dos lugares máis visitados de Beijing: O templo dos Lamas.

Parte da historia da capital chinesa foi escrita neste maxestoso templo tibetano, o máis grande dos que os lamas teñen fóra do Tíbet, que no seu día foi pazo do príncipe Yongzhen. Ubicado nunha das zonas tradicionais da cidade, trátase dun dos complexos relixiosos máis importantes desta urbe.

O lugar elixido para ceibar a novela do dragón foi un dos seus fermosos xardíns paisaxistas, ao pé da leoa que protexe a entrada do principal edificio do complexo.

A pesar do abafante calor do estío chinés, por alí transitan a diario centenares de turistas, ademáis dos numerosos fieis que acuden a facer as súas pregarias entre nubes de incienso queimadas na honra de Buda.

Nos minutos seguintes á liberación de Dragal puiden observar que o libro era obxecto de curiosidade por parte de numerosas persoas.

As imaxes son testemuña do interese suscitado por este libro galego. Algún deles entendería a nosa lingua?

Nesta viaxe polo Oriente, Dragal fixo outra das súas escalas na cidade de Fukuoka, situada da illa de Kyoshu (Xapón).

Esta urbe considérase o lugar de nacemento da civilización xaponesa e grazas á súa situación, atravesando o estreito de Corea dende a cidade de Busán, é actualmente un centro de intercambio cultural de Asia Oriental.

Qué lugar mellor para ceibar outro libro do dragón que o miradoiro da moderna Fukuoka Tower?

Con 234 metros de altura, o edificio máis alto do Xapón situado na mesma liña de costa  é un atractivo observatorio preparado para resistir terremotos de forza 7  e ventos de até 63 m/seg.

O observatorio, repartido en tres plantas, está situado “só” a 123 metros de altura aos que se chega nun ascensor que tarda 70 segundos en subir.

Neste lugar, con fermosas vistas sobre un mar de illas misteriosas, quedou pousado un exemplar da novela, disposto a comezar unha nova andaina xaponesa.

Un quinto libro de Dragal navega polos mares de oriente, mais neste caso non está numerado. Este exemplar da novela forma agora parte da biblioteca dun barco de cruceiro que está a percorrer o Mar Amarelo.

O dragón, que xa conquistou a unha parte da tripulación do buque (qué fantástico é termos un idioma tan próximo ao italiano!) agarda compartir a súa historia con outros viaxeiros interesados pola lingua e a literatura galegas, mentres navega polos afastados mares do outro lado do globo.

Houbo un tempo no que soñei con botar unha botella ao mar, cunha mensaxe no seu interior, para que viaxase pola mar océana. Houbo tamén un tempo no que soñei con escribir e publicar un libro… Desta vez uníronse dous soños e, dende Galicia, o meu dragón sucou os ceos do Occidente até cruzar o mundo.

Agora, cinco exemplares de Dragal son ceibes e están a viaxar  na procura de novos lectores que os descubran. Poden pasar semanas, meses, anos… e talvez dende a outra extrema do planeta, en calquera momento, un descoñecido se poña en contacto para dar conta da súa particular aventura co dragón galego.

Texto e imaxes: © Elena Gallego Abad.

Agosto 2010