O soño do dragón
Poucos personaxes lendarios perviven na memoria colectiva con máis intensidade que os dragóns, uns seres que rozan a divindade.

En todo o mundo, en todas as épocas, existiron lendas sobre esta figura, que traspasou o eido da transmisión oral para ocupar espazos propios nos textos sagrados e na iconografía universal.
Os dragóns están presentes nos templos cristiáns e budistas, en textos hebreos e musulmáns. E, por suposto, tamén en Galicia. Tan preto que en moitas ocasións non temos conta deles.
Mais, que acontecería se o dragón de pedra situado na fachada dunha vella igrexa románica cobrase vida?
E se ese dragón gardase o segredo dunha profecía milenaria, e esta se cumprise no século XXI, encarnada no noso protagonista?
Dragal xurdiu desta idea básica: crear a historia dun rapaz que se transforma en dragón, mais co valor engadido de inserirlle tradicións e mitoloxías galegas.

"No primeiro volume da triloxía, sen abandonar a perspectiva do mundo real no que vivimos, puiden crear un universo propio e modelar unha ficción fantástica que pretendía conquistar lectores de todas as idades", explica a súa autora, Elena Gallego Abad.
Daquela, o relato desenvólvese nun escenario que podería atoparse en calquera vila da costa: na aula dun instituto dende a que temos unhas privilexiadas vistas sobre unha vella igrexa románica, San Pedro, que conecta cunhas catacumbas cheas de segredos e que agocha as claves para atopar a senda do último dragón galego.
Nas páxinas de Dragal atopamos profecías milenarias e ordes de cabaleiros medievais, mergullámonos nas augas dunha Poza da Moura e vivimos moitas aventuras cos seus protagonistas, Hadrián, Mónica e o párroco, don Xurxo.